FEIRACO, REFERENTE COOPERATIVO NO LÁCTEO GALEGO

Fundada en 1968 na comarca do Barcala, Feiraco é unha cooperativa de gandeiros galegos convertida hoxe en todo un referente no sector lácteo de Galicia. Con sede en Ponte Maceira (Ames, A Coruña), produce, recolle e comercializa leite de vaca e produtos derivados procedentes unicamente das explotacións dos seus máis de 2100 socios, aos que lles garante todos os servizos necesarios para que desenvolvan a súa actividade.

Os inicios de Feiraco remóntanse a 1968, cando 400 gandeiros do val do Barcala, unha zona deprimida do interior da provincia da Coruña, decidiron contribuír activamente ao desenvolvemento económico e social da comarca. Ao longo da nosa historia, máis de 10.000 socios veñen formando parte da familia Feiraco.

O leite Feiraco procede unicamente das granxas dos seus socios gandeiros, situadas en 18 municipios concentrados na área de influencia das comarcas coruñesas de Santiago, Ordes e Arzúa. A proximidade xeográfica das súas gandarías favorece a calidade e a trazabilidade dos seus produtos, así como o coidado da contorna. Ademais, as súas granxas apostan por modelos de xestión sustentable e políticas de innovación e seguridade alimentaria que garanten a calidade de todos os produtos dende a orixe.

OS IRMANDIÑOS, EXEMPLO DE DIVERSIFICACIÓN

Localizada no municipio lucense de Ribadeo, Os Irmandiños nace en 1976, cando un grupo de 70 gandeiros dos concellos de Ribadeo, Barreiros, Trabada, Lourenzá e Foz decidiron construír unha fábrica de penso para abasteceren as súas explotacións, principalmente de vacún de leite, e prescindir das casas comerciais que naqueles momentos cubrían o mercado cunha relación calidade-prezo desfavorable para as súas explotacións. Os Irmandiños inicia a súa actividade en 1978 e incrementa rapidamente o seu número de socios, chegando á actualidade a máis de 1000, con presenza nuns 40 municipios de Lugo e Asturias.

Neste período de expansión, non só creceu a actividade de fabricación de concentrados, senón que se puxeron en marcha múltiples actividades e servizos encamiñados a atender todas as necesidades das explotacións dos seus socios. Entre estes servizos destaca o parque de maquinaria, que comezou a súa andaina en 1992 e que aos poucos se foi implantando e buscando, entre outros obxectivos: poñer ao alcance das explotacións maquinaria de alto rendemento e avanzada en prestacións; mellorar a calidade das forraxes propias como un activo importante dentro da produción leiteira; reducir custos, sobre todo pola vía de liberar as explotacións dos investimentos que supoñía a compra individual de maquinaria e pensando sempre nunha mellor calidade de vida que faga máis atractiva e rendible a vida no medio rural. Hoxe en día, a comercialización de gando, a tenda agraria ou a alimentación complementaria fan de Os Irmandiños un claro modelo de diversificación na contorna rural ao servizo dos gandeiros e das súas granxas.

MELISANTO, EFICIENCIA COOPERATIVA PARA O RURAL

Situada no concello coruñés de Melide, Melisanto naceu en 1979 da iniciativa dun grupo de agricultores e gandeiros dos municipios de Melide, Santiso e Toques cos seguintes obxectivos fundacionais: adquirir produtos para as explotacións agrícolas e gandeiras dos socios, comercializar as producións, elaborar pensos compostos para o gando e, en xeral, prestarlles servizos aos socios para a mellora integral das súas explotacións. Ademais, como actividade complementaria, prevíase tamén o abastecemento de produtos para o consumo humano. Aquela experiencia cooperativa derivou na actualidade nunha masa crítica de máis de 600 socios e liñas de negocio en segmentos tales coma a fabricación de penso e a comercialización de leite ou de gando vacún que operan cunhas máximas de calidade, seguridade e eficiencia.