Integracion-cooperativa

Cooperativismo. Moito máis que a suma das partes

A cooperativa de segundo grao CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) nace en xaneiro do 2017 da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto con vocación de ser referente no sector agrogandeiro galego.

Aliñada cos grandes movementos cooperativos europeos, ten tres grandes obxectivos estratéxicos que contribúen á sustentabilidade da produción láctea:

COSTES

Integración dos servizos técnicos financeiros para acadar unha maior eficiencia dos custos de produción. Nun contexto global no que o sector lácteo está condicionado pola forte volatilidade dos prezos, o cal afecta aos nosos socios, tanto polo tamaño reducido das súas explotacións como pola falta de integración nun proceso industrial que proporcione retorno cooperativo.

CALIDADE

Optimizar as subministracións nas mellores condicións competitivas, dado o efecto directo que as materias primas de alimentación animal e outras subministracións representan na competitividade das granxas.

TRABALLO

Agregar volume para mellorar a cadea de valor e contribuír á súa estruturación.

Medio rural-medio de vida. Por unha contorna rural competitiva, innovadora, sustentable e saudable

O modelo de organización en cooperativa de CLUN permítenos controlar e optimizar todas as etapas do proceso produtivo. Contamos, ademais, cun sistema integrado de calidade e de inocuidade dos alimentos, baseado nas certificacións ISO 9001 e ISO 22000, que abrangue toda a cadea de fabricación, dende a produción gandeira do leite de vaca nas nosas explotacións ata o envasado e comercialización dos produtos finais.

O mellor leite só pode proceder das mellores granxas.

O leite, comercializado a través das marcas Feiraco, Únicla e Clesa, procede unicamente das granxas dos nosos socios, todos eles situados en Galicia. Eles son a peza clave na cooperativa, e nós asesorámolos e apoiámolos de forma permanente a través dun equipo técnico especializado.

A garantía de calidade dos nosos produtos comeza mesmo antes da selección da mellor materia prima. A alimentación das nosas gandarías é tamén una das nosas principais preocupacións. Por iso fabricamos os nosos propios pensos, deseñados á medida das necesidades alimentarias das nosas vacas para que poidan producir o mellor leite.

Compromiso. Con persoas, natureza, proxectos… Futuro

  • Xerar valor, posto que o noso negocio é o dos nosos socios.
  • Ofrecerlles produtos saudables.
  • Equipo humano. Afianzar a igualdade de oportunidades e a conciliación,
  • Reforzar as relacións win-win.
  • Contorna natural. Minimizar o noso impacto ambiental.
  • Contorna social. Apoiar proxectos para mellorar a nosa comunidade.
  • Fomentar a nosa lingua e cultura.

Calidade 360.º: cando o valor está no noso

En CLUN buscamos un modelo de innovación integral que permite controlar e optimizar todas as fases do proceso produtivo, dende a orixe ata o consumidor; dende a granxa ata a mesa.

Un modelo de calidade 360.º que nos permite abarcar a innovación industrial, tanto en planta como tocante á mellora da calidade dos solos, a diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas do proceso de dixestión das vacas, a busca do mellor perfil dos nutrientes do leite de forma natural, así como valorar a idoneidade das racións de pasto previamente calculadas.

Apostamos por unha cultura innovadora que favoreza o impulso de ideas e transformacións que supoñan unha mellora no funcionamento de calquera área da cooperativa.

Galeguidade. Galicia, orixe e destino

CLUN constitúe un proxecto de integración cooperativa formado por máis de 3500 explotacións gandeiras de case unha trintena de municipios galegos do centro e norte da nosa Comunidade Autónoma, considerados zonas estratéxicas para o desenvolvemento do sector lácteo de Galicia. A homoxeneización territorial permite gañar presenza; volume de negocio; unificar procesos e técnicas; vertebrar a cadea de valor con criterios compartidos en contextos globais; obter beneficios para todos os estamentos; ser máis competitivos, eficaces e eficientes para poñer en valor os recursos naturais de Galicia. CLUN conta cun cadro de persoal de 406 traballadores en empregos directos, ademais dos empregos indirectos asociados á súa actividade.

TES ALGUNHA PREGUNTA? ENVÍANOS UNHA MENSAXE